En execución obras de mellora na AC-222 e na AC-542, en Carral e Abegondo

1 minutes read

Estes traballos estanse executando nos treitos coincidentes coa traza do Camiño Inglés ao seu paso polos concellos de Carral e de Abegondo, respectivamente.

As obras no municipio de Carral estanse a levar a cabo na AC-222, entre os puntos quilométricos 2,23 e 2,26, onde se están a executar dous tramos de senda de 15 metros de lonxitude e de ancho variable, de entre 1 e 2 metros.

En paralelo, os traballos que se están a desenvolver en Abegondo céntranse no punto quilométrico 17 da vía autonómica AC-542, onde se está a construír unha senda pola marxe dereita da vía, de 15 metros de lonxitude.

Trátase de actuacións deseñadas para reforzar a seguridade dos usuarios máis vulnerables das estradas, como son os peregrinos. Estas intervencións inclúen a mellora da sinalización, coa disposición de novos sinais reflectores e con indicacións relativas ao Camiño de Santiago.