Segundo o contrato que teñen apalabrado, TPG comprométese a arrancar todos os fornos de Cee e Dumbría a finais de xullo e a investir 15 millóns de euros nas plantas nos próximos cinco anos. Pero o acordo inclúe outras condicións que non convencen os traballadores: o grupo de Villar Mir sería o único provedor de materia prima para as fábricas, e tamén o comprador exclusivo da súa produción.
Para Santiago Paz, presidente do comité de empresa, «iso é un alugueiro en toda regra». Sospeitan que podería ser unha operación encuberta para segregar as centrais hidroeléctricas dunhas fábricas que quedarían como simples subcontratas.
«Nós o que lle dixemos foi que presentasen o contrato de venda na Xunta e entón a Xunta decidirá se a venda é legal ou non é legal. E despois chegar a un acordo co comité», engadiu o representante dos traballadores.
Pero, polo momento, os interesados aínda non remitiron o acordo á Xunta. Francisco Conde, conselleiro de Economía e Industria, agarda «que haxa esa resposta de responsabilidade por parte de Ferroglobe e ao mesmo esperamos que o comprador asuma todas as esixencias que abarcan as concesións».