En marcha a limpeza do río Santa Cecilia ao seu paso por Ferrol e Narón

1 minutes read

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar as actuacións de conservación e limpeza no treito interurbano do río Santa Cecilia, nos concellos de Ferrol e de Narón. Os traballos están a desenvolverse ao longo dun treito de máis de 2,3 km de lonxitude do río, no seu percorrido por distintos lugares destes dous municipios. As tarefas céntranse na roza selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.