Os traballos de ampliación e mellora da seguridade da estrada provincial DP- 9203 de Caxadas a Baíñas, en Vimianzo, o maior investimento programado pola área provincial de Vías e Obras e que contan cun orzamento de 1.335.098,88 euros xa son unha realidade.
As intervencións permitirán construír unha senda peonil de case dous quilómetros de lonxitude e mellorar o sinuoso trazado actual da vía no núcleo de Padreiro, que presenta curvas perigosas nas que se rexistra unha elevada sinistralidade.
Os traballos, teñen un prazo de execución de 11 meses e permitirán á veciñanza das vivendas lindeiras coa DP- 9203 dispor dun novo itinerario peonil accesible e seguro e que os máis pequenos tamén podan acceder con seguridade ao bus escolar que para na zona.
A senda, de 1,80 metros de ancho e 0,5 de beiravía, discorrerá durante case 2 quilómetros desde o punto quilométrico 0+000 ata o 1+940. A plataforma incluirá ademais unha nova estrutura ao paso do río Castro, onde a existente carece de capacidade necesaria para desaugar.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, agradeceu “á Deputación provincial e a Valentín González Formoso a súa sensibilidade e implicación para acometer unhas intervencións imprescindibles para incrementar a seguridade nun tramo especialmente conflitivo”.