- A participación é de balde e está aberta á cidadanía e establecementos que xeren unha gran cantidade de residuos
O Concello de Cabana avanza no cumprimento da normativa de residuos poñendo en marcha a primeira fase do seu proxecto de recollida separada de biorresiduos. Os contedores serán de 240 litros e deberán abrirse cunha chave. Estarán colocados ao longo da AC-429 entre Ponteceso e Laxe, ao seu paso polas parroquias de Canduas e Cesullas, e da AC-552 entre A Coruña e Cee ao seu paso por Riobó, Nantón e Anós.
Nas dúas áreas de implantación da nova recollida, a participación é totalmente de balde e está aberta á cidadanía en xeral e aos establecementos relacionados coa hostalería ou a alimentación que xeren gran cantidade de residuos de tipo orgánico. As persoas e empresas inscritas serán contactadas posteriormente para que saiban onde e como recoller súa correspondente chave para apertura do contedor.
Os residuos que se admiten e que, en todo caso, deberán depositarse en bolsas compostables son os seguintes: restos de alimentos (crus ou cociñados) como carne, peixe ou marisco; cascas de ovos e froitos secos; sementes e cereais; restos de pan, bolos e galletas; papel de cociña usado e panos de papel sen restos de aceite; pousos de café e bolsiñas de infusión; mondadentes e tapóns de cortiza natural; restos de plantas, flores, follas secas, herba e pequenos restos de poda e da horta.
As inscricións poden tramitarse enviando un correo electrónico a silvana.facal@cabana.gal ou chamando ao 981 754 020. Deberán indicarse nome, apelidos ou nome do establecemento, así como enderezo, número de contacto e número de persoas que comen habitualmente na vivenda ou establecemento (non será preciso no caso de establecementos de alimentación).
Este proxecto está desenvolvido polo Concello de Cabana co apoio económico do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.