- Desde o Concello ofertan varias actividades deportivas para realizar nas praias municipais e tamén polo río Anllóns
Este mércores arrinca o servizo de socorrismo e salvamento na localidade de Ponteceso. Nas praias de Balarés, O Osmo e A Ermida haberá socorristas ata o 15 de setembro que traballarán de xeito ininterrumpido en horario de 12 a 20 horas. Ademais, o areal de Niñóns tamén contará con este servizo de vixilancia durante as fins de semana. Unha iniciativa coa que desde o Concello aspiran a conseguir a cuarta bandeira azul (as tres praias mencionadas anteriormente xa a teñen).
Por outra banda, o goberno local levará ao pleno a petición de adaptar as praias a todo tipo de públicos. «Se o pleno o aproba, gustaríame tamén ter unha praia á que se poidan levar os cans e outra onde estea permitido o nudismo, porque debemos atender a todos os intereses turísticos, nunha costa tan rica como temos, con case 30 quilómetros», destacou o rexedor, Xosé Lois Carballido.
Actividades de verán
O Concello aposta forte pola dinamización turística e deportiva das praias e por iso prepara un amplo programa de verán que inclúe actividades como pádel, bicicleta, volei praia e, por vez primeira, clases de kaiak e paddle surf gratuítas na praia do Osmo. Todos os usuarios e usuarias das actividades de deporte e cultura do Concello poden apuntarse de balde a esta actividade que empezará o 1 de xullo na praia de Corme e que se impartirá os luns, mércores e venres de 18.00h a 19.30h. Para o resto dos veciños e veciñas, a taxa única pola actividade é de 10,4 euros, 20,8 para a xente non empadroada.
A empresa que imparte o curso de kaiak e paddle surf realizará rutas guiadas todos os luns, mércores e venres de 19.30h a 21.00h a prezos de mercado. A partir do 1 de setembro, a escola de kaiak e paddle surf continuará coas actividades polo río Anllóns durante todo o ano, desde o paseo fluvial ata a ponte da Garga de Anllóns. «Promovemos coa Deputación un acordo para potenciar o río Anllóns e velaí unha das actividades para facelo», destacou o alcalde.