A Xunta abre o prazo de presentación de solicitudes da nova liña de préstamos e avais para pemes e autónomos por 60 millóns de euros, que se desenvolve en colaboración coas sociedades de garantía recíproca (SGRs) e as entidades financeiras e que se publica no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Foi un dos asuntos tratados no II Encontro trilateral de Galicia, Asturias e Castela e León, que baixo o título Novos retos, novas oportunidades: falan as empresas organiza a Asociación para o Progreso da Dirección (APD) e ao que asistiu o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación.
Na súa intervención Conde fixo fincapé en que as administracións deben ofrecer as máximas facilidades e eliminar obstáculos para que o tecido empresarial poida marcar o paso nesta etapa de transformación económica. Neste sentido, avogou pola axilización na tramitación e a colaboración público-privada, a través de ferramentas como a sociedade Impulsa Galicia.
Sinalou tamén o vicepresidente económico do Goberno galego que se está a vivir unha grande oportunidade para a transformación, para o investimento e para o crecemento económico, así como para desenvolver o binomio industria-sustentabilidade.