En Marea decide hoxe sobre o seu futuro

1 minutes read

Tralos pésimos resultados obtidos nas últimas eleccións autonómicas, onde a Marea Galeguista, coalición integrada por En Marea, Compromiso por Galicia e o Partido Galeguista non chegou a obter o 1% dos votos, a dirección de En Marea decidiu que as inscritas da formación debían ter a última palabra sobre o futuro de En Marea.

Neste Plenario Extraordinario de En Marea, as inscritas poderán participar de modo presencial, acudindo ao Hotel Congreso, en Teo, ou vía telemática, opción habilitada pola formación debido á situación de pandemia.

O Plenario comeza ás 09:00 h. coas acreditacións, pasando seguidamente á aprobación do Regulamento do Plenario e a elección da Mesa. As 10:00 h iniciarase a dación de contas do Consello das Mareas, valorando a situación política e organizativa da formación e o traballo no Parlamento, así como a situación económica.

O debate que se espera máis longo será o da tese política «En Marea despois das eleccións de xullo de 2020», texto no que en primeiro lugar se reflexiona sobre a posibilidade dun proxecto de confluencia na esquerda, o cambio político que se viviu nestas últimas eleccións e a defensa dunha democracia existente.

Dende En Marea ratifícanse tanto no programa co que se presentaron ás pasadas autonómicas como, nun plano máis estratéxico, na tese política aprobada no Plenario de xullo de 2019: «Apuntes para unha postnova política galega dende a marea», pois consideran que as emerxencias que defenden e fundamentan o seu programa político, seguen vixentes.

Neste Plenario decidirase entre continuar co proxecto ou non continuar, valorando para continuar a convocatoria dun novo Plenario para iniciar o proceso de elección do novo Consello e da Comisión de Garantías, así como a liña política aseguir; ou non continuar, disolvendo a organización, dentro do cumprimento que as medidas legais e económicas permitan.