O voceiro de En Marea, Luís Villares, anunciou no marco do Día da Patria que En Marea levará ao Parlamento de Galicia a proposta de declaración de Galicia como país en risco de emerxencia climática.
“Pensamos que esta iniciativa, levada a cabo por varios concellos e a nivel europeo, ten que ser debatida no Parlamento de Galicia, queremos poñer na axenda política a cuestión ambiental en toda a súa extensión. Queremos tamén mellorar a economía en clave de sustentabilidade”, sinalou Villares.
O voceiro de En Marea explicou que a formación apoia a folga internacional que para o 27 de setembro está convocada en contra do cambio climático. “Queremos sumarnos porque pensamos que unha reivindicación nacional de Galicia non pode facerse senón defendendo o futuro da sociedade, que é tamén o futuro do país e dos seus elementos naturais”, dixo.
“Queremos denunciar os dez anos de estragos ambientais do Goberno de Núñez Feijóo. Dez anos que supuxeron o deterioro da calidade das nosas rías, dos ríos, do chan e so subchan. Un deterioro da calidade de vida nas cidades pero tamén dunha falta total de planificación forestal e urbanística”, destacou o voceiro.
“Dez anos nos que non se planificou unha transición enerxética nin se apostou por sectores que impulsen a economía circular e a economía verde. Dez anos de padecemento ambiental e de esgotamento dos nosos recursos naturais”, engadiu.