En Marea presenta as súas alegacións ao Estatuto dos Consumidores Electrointensivos


En Marea presentou este luns as súas alegacións ao Estatuto dos Consumidores Electrointensivos, nas que defende unha regulación do sector que distribúa as cargas e os beneficios entre toda a sociedade, “e non so beneficios para as grandes empresas eléctricas e as cargas para os demais”, como sinalou Luís Villares.

O voceiro de En Marea reclamou tamén unha estabilización de prezos “que dea certeza ás industrias, como Alcoa”, un abaratamento dos custes de produción para a industria e do prezo da luz e acabar coas portas xiratorias. “Sabemos que unha parte importante do problema é pola presión que exercen os lobbies sobre os partidos como consecuencia de ter sentados nos seus consellos de administracións aos que foron presidentes, ministros ou altos cargos do Goberno”, denunciou.

Luís Villares quixo reivindicar o papel de En Marea fronte ao PP, que “creou un marco regulatorio claramente favorable ás grandes eléctricas en detrimento dos consumidores e a industria”, e fronte ao PSOE, que “non creou un novo estatuto regulatorio, ademais de reducir os orzamentos para as electrointensivas”.