En mínimos a vivenda protexida galega no remate desta lexislatura

1 minutes read

Nos últimos días de xaneiro de 2024, o rexistro de demandantes de vivenda protexida da Xunta ten anotadas 18.119 inscricións. Un total de 10.598 agardan por unha vivenda protexida para alugar, cifra que se eleva ata as 14.100 contando a poboación que preferiría un arrendamento con opción a compra. Na primavera do pasado 2023, neste rexistro -que se actualiza continuamente- había algo menos de 13.000 solicitudes de alugueiro. Hai media década eran unhas 8.000. Tendo en conta a quen pide unha vivenda para mercar, chégase a esas máis de 18.000 persoas a agardar por un piso con algunha figura de protección da Administración galega.

Malia á obvia existencia da necesidade nun contexto de alza xeral dos prezos e mesmo de escaseza de parque de vivenda dispoñible nos concellos máis poboados, a vivenda protexida remata outra lexislatura galega en mínimos. En mínimos ao comparármola coa traxectoria da propia Xunta en tempos pasados, tanto nos mandatos do PP con Fraga como no do Goberno de coalición PSdeG-BNG, e malia ao obvio impulso que a vivenda pública e protexida vén experimentando, tamén e malia todo en Galicia, a través dos fondos europeos de recuperación que chegan a través do Estado.

Esta escaseza de vivenda protexida en Galicia vén arrastrada dende os anos dos fortes recortes orzamentarios na materia durante a anterior crise económica. Non en van, o total do orzamento da Xunta para vivenda perdeu ata un 84% da súa dotación entre 2009 e 2014.