En prazo as axudas a obras de mellora da eficiencia enerxética e a accesibilidade das vivendas

1 minutes read

O prazo para presentar a documentación de cara a conseguir unha axuda municipal pola mellora da eficiencia enerxética e a accesibilidade nos edificios de vivendas rematará o 15 de febreiro. As bases da convocatoria están colgadas desde o 15 de decembro, despois de seren aprobadas pola Xunta de Goberno Local cun importe de 2,6 millóns de euros. A cidadanía poderá optar a unha subvención de cando menos o 25% da actuación en caso de que reduza a demanda enerxética anual global do seu inmoble, que ben pode pertencer a un edificio de vivendas colectivas ou ser individualizada. Canto á accesibilidade, a convocatoria diríxese a todas/os propietarias/os que pretendan dispor dun percorrido completamente accesible desde a vía pública até cada unha das súas vivendas. Neste apartado, inclúense a instalación de novos ascensores, a ampliación do percorrido aos elevadores xa existentes co fin de suprimir o tramo de escaleiras, a adaptación dos percorridos accesibles até estes elementos e a renovación destas instalacións.