A apertura ao tráfico deste tramo da nova autovía de titularidade autonómica entre Lugo e Sarria, produciuse este venres, a partir das 11:00 horas da mañá.
Máis en concreto, nesta primeira fase, abriuse ao tráfico o treito de 9,70 km da calzada dereita do novo tramo da autovía en sentido Sarria. Isto é, a calzada en sentido crecente para o tráfico que vai dirección a Sarria, desde o punto 13,5, ligazón da Pobra de San Xiao, ata punto 23,2, na ligazón de Sarria centro.
Ademais, tamén se abriu ao tráfico un tramo de 1,2 km da calzada esquerda do novo tramo da autovía en sentido Lugo. Concretamente, a calzada en sentido decrecente para o tráfico que vai dirección a Lugo, desde o quilómetro 23,2, no enlace de Sarria centro, ao punto quilométrico 22, no enlace de Sarria norte.
En paralelo, a Xunta segue a ultimar os traballos da 1ª fase desta autovía. A partir de mañá quedará como única afección o desvío do tráfico en sentido Monforte-Lugo pola estrada LU-546, entre os enlaces de Sarria norte e A Pobra de San Xiao.
Deste xeito, nesta última fase, os traballos céntranse na capa de rodaxe na calzada de desdobramento, así como os correspondentes á disposición de sinalización horizontal e acabados, co obxectivo de rematar as obras este outono.