Entra en vigor o novo servizo de mantemento das zonas verdes públicas da Laracha

1 minutes read

O alcalde, José Manuel López Varela, e Manuel Amado Souto en representación da empresa larachesa que é a nova concesionaria do servizo de mantemento das zonas verdes públicas, formalizaron este luns o contrato que entrou en vigor este martes.

A finalidade deste contrato é a conservación da vexetación das principais áreas recreativas e de descanso, prazas, xardíns e parques públicos, paseos fluviais e marítimo e entornos de edificios, instalacións e equipamentos de titularidade municipal.

Os servizos que comprende son a continua conservación en bo estado, o coidado das especies vexetais, a poda das árbores na época máis conveniente e o mantemento dos sistemas de rego automático nos espazos públicos de Torás, Lestón, Caión, Cabovilaño, Golmar, Lemaio, Montemaior, Soandres, Lendo, Vilaño, Soutullo e o parque empresarial.

En total todos estes espazos públicos suman unha superficie de 85.108 metros cadrados.

Ademais, inclúese por primeira vez a conservación das corenta e sete xardineiras que están colocadas nos núcleos urbanos, contemplándose a posibilidade de incrementar esa cifra.

Este contrato ten unha duración de dous anos prorrogables por outros dous máis. O seu valor estimado supera os 440.000 euros polas catro anualidades. O servizo é financiado integramente polo Concello da Laracha con fondos propios municipais.