Entrada en vigor das primeiras listas de contratación de persoal médico hospitalario


O Servizo Galego de Saúde vén de propoñer ás organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF, UGT, CESM e OMEGA, que o persoal médico temporal de atención hospitalaria, actualmente seleccionado de modo descentralizado nas sete áreas sanitarias, sexa seleccionado, por primeira vez e desde o vindeiro mes de setembro, en atención a listas centralizadas de aspirantes de cada especialidade, elaboradas en aplicación do Pacto publicado no Diario Oficial de Galicia do 23 abril de 2019. As organizacións sindicais amosaron a súa satisfacción polas medidas, se ben deberán ratificarse en reunión de mesa sectorial.

Para estes efectos as listas, actualmente publicadas como provisionais, serían publicadas nese mes de setembro con carácter definitivo. Este prazo de varios meses, considérase necesario para que as áreas sanitarias rematen a tramitación das súas propias convocatorias, as cales están a ser anunciadas no Diario Oficial de Galicia, e que comprenden, aproximandamente, 285 prazas vacantes para cobertura con persoal interino.

Por outra parte, o Sergas propuxo un réxime transitorio que beneficiaría a aquel colectivo de persoal facultativo que vén traballando con vínculos de longa duración (dous anos ou máis). Este persoal (582 profesionais), con independencia da entrada en vigor das novas listas, tería garantido o seu emprego ata que finalice a OPE que está actualmente a tramitarse, e que remataría no ano 2022.