Entregados os premios Agader na súa undécima edición

2 minutes read

Foron galardoados un total de oito proxectos que conseguiron dinamizar e consolidar o rural galego, o acto tivo lugar este venres en Santiago e estivo presidido polo conselleiro do Medio Rural, José González, quen sinalou que iniciativas como as galardoadas permitirán que o medio rural sexa o motor para o futuro de Galicia.

Na categoría de mocidade, a premiada foi a sociedade limitada Fontes de Mané, polo seu campamento turístico Cabanas da Ulla e a súa combinación de servizo de aloxamento con actividade forestal no concello coruñés de Touro.

Canto aos proxectos culturais e de recuperación patrimonial no medio rural, resultou distinguida a iniciativa de recuperación do patrimonio material e inmaterial da aldea de Puxedo, a cargo da asociación de veciños desta aldea do municipio ourensán de Lobios, en pleno Parque Natural Baixa Limia Serra do Xurés.

No apartado de interese social, destinado a aqueles proxectos orientados á integración de colectivos desfavorecidos, recibiu o premio o centro de prestación de servizos a persoas con discapacidade intelectual Aspadeza, situado no concello pontevedrés de Lalín.

No que respecta á categoría de turismo, o galardón recaeu no proxecto “Enoturismo María Manuela SL”, un complexo de seis cabanas no municipio coruñés de Touro que contribúen a promocionar tanto os produtos locais como distintas actividades que dinamizan a zona.

No sector agrogandeiro, o gañador foi Bico de xeado, a cargo da cooperativa agraria provincial da Coruña, por apostar pola transformación do leite nun produto de valor engadido.

En canto ás iniciativas levadas a cabo ou encabezadas por mulleres, o premio correspondeu á asociación Educando en familia, que actúa na provincia de Lugo, polo seu traballo no acompañamento educativo ás familias con nenos de entre cero e seis anos.

No eido da innovación tecnolóxica, o premio foi para o grupo tecnolóxico Arbinova, emprazado no concello pontevedrés de Salvaterra do Miño, pola súa peme Beta Implants, que deseña e fabrica implantes e próteses para o sector veterinario.

E, por último, na categoría de loita contra o abandono e en prol da mobilidade de terras, a gañadora foi a iniciativa de recuperación dos montes comunais na parroquia de Lucenza, a cargo da asociación de veciños deste lugar, na localidade ourensá de Cualedro.