Enviados ao Goberno central os proxectos de mobilidade que aspiran aos fondos de recuperación da UE


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presentou en rolda de prensa os 10 conxuntos de proxectos cos que a Xunta agarda investir 400 millóns de euros de fondos europeos do plan de recuperación da economía no fomento da mobilidade sostible e a modernización do transporte. Segundo explicou, o Goberno galego presentou ante o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana eses 10 programas, que levan aparellados 2.300 postos de traballo cada ano.

Vázquez Mourelle, xunto co subdirector xeral de Planificación Técnica do Transporte, Héctor Presas, concretou en rolda de prensa cada un dos conxuntos de proxectos cos que Galicia aspira a aproveitar a convocatoria de fondos do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia realizada polo Ministerio de Transportes para impulsar actuacións en materia de mobilidade.

Segundo dixo, “Galicia está preparada” para aproveitar esta oportunidade e chega a esta convocatoria cos deberes feitos, pois conta cun sólido programa de actuacións, plasmadas nun conxunto de iniciativas concretas coas que a Xunta quere, nos vindeiros 3 anos, dar un salto cara adiante no fortalecemento e modernización do transporte público e na consolidación dunha mobilidade máis sostible e dixital.

Intervención da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.