A Xunta de Galicia notificou esta semana aos propietarios dos terreos onde se pretende instalar o parque eólico de O Campelo, en Coristanco, a súa declaración de utilidade pública. Pola súa banda, unha plataforma formada por varias entidades ecoloxistas, presentaron recursos contenciosos-administrativos ante o TSXG contra os proxectos de parques eólicos de Campelo, Bustelo e Monte Toural. Entenden que os tres parques, promovidos por Greenalia, sofren “unha fragmentación artificial” para evitar a tramitación estatal. Lembran que a categoría de “interese especial” para distintos proxectos foi aprobada sendo conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, que está vinculada á empresa promotora dos parques, a través das denominadas «portas xiratorias» de políticos a empresas privadas. Denuncian a existencia dunha “manobra fraudulenta” e a afectación a zonas de protección ambiental, en concreto, a unha planta en perigo crítico de extinción como é a centaurea ultreiae. En todo caso, o Concello de Coristanco ten na súa man o conceder, ou non, a licenza para a execución da obra.

Para poñernos en antecedentes, cabe lembrar que, con data de 28 de xuño de 2012, e mediante resolución da Xefatura Territorial dá Coruña dá Consellería de Economía, Emprego e Industria, sometíase a información publica a solicitude de autorización administrativa, a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, o estudo de impacto ambiental e a declaración de utilidade pública feita por Kaekias Eólica. A dirección Xeral de Enerxía e Minas publicaba a listaxe de bens afectados polo parque eólico Campelo.
A Dirección Xeral de Enerxía autorizou a solicitude de modificación efectuada en 2017 por Kaekias Eólica, pasando a titularidade do parque Campelo de Kaekias Eólica, S.A. a Greenalia Wind Power Campelo, S.L.U., presentando esta empresa a documentación técnica necesaria para seguir coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción. Finalmente, o 26 de abril de 2018 o Consello da Xunta declarou o interese especial do proxecto.
Varias alegacións a título particular, político e de diferentes plataformas, por afectar tanto o patrimonio arqueolóxico, paisaxístico, da flora e da fauna, obrigaron á empresa a variar a recolocación dalgún dos muíños adaptándose ás circunstancias da contorna. Moito tivo que ver a centaurea ultreiae, unha pequena flor protexida única no mundo e que só crece nesta zona.
Neste momento as negociacións e os permisos xa están moi avanzados, así como a declaración de utilidade pública e a autorización para a liña de evacuación, que terá un percorrido superior aos 40 quilómetros para transportar a enerxía xerada, entre outros, en O Campelo e ata o centro de conmutación e control de repartición situado en Mesón do Vento, que para iso terá que transcorrer polos concellos de Coristanco, Carballo, Tordoia, Cerceda, Carral e Ordes.
Este pasado verán, e a pesar das dificultades xeradas pola pandemia, Greenalia mantivo a súa actividade na Costa da Morte, coa posta en marcha de 27,7 MW de potencia repartidos nos parques de Alto da Croa I, Alto da Croa II e Monte Tourado, concluíndo así a primeira fase do que a empresa denomina «Proxecto Eolo» e ao que destinou 86 millóns de euros. Con todo iso moi avanzado, a empresa Greenalia Wind Power Campelo S.L.U. retomou esta pasada o contacto cos propietarios dos terreos afectados polo parque eólico O Campelo, situado entre os concellos de Carballo e Coristanco.
Os prezos que ofrece a empresa aos propietarios do terreo polo alugueiro do mesmo varían en función da ocupación levada a cabo polos muíños ou as instalacións complementarias, quedando da seguinte forma:
- Zapata, plataforma, viarias, T.Meteorolóxica e subestación: 0,85 € m2/ano.
- Voo e gabia: 0,42 € m2/ano.
- Ademais prevese unha indemnización por masa forestal, que se é de piñeiro rolda os 20 € por tonelada e en caso de eucalipto pode chegar aos 24 euros por tonelada.
Este parque non afecta a espazos naturais protexidos pero localízase na contorna de tres humidais do Inventario Galego de Humidais: Lagoa de Alcaián, Marco do Couto e O Pozo.
Na segunda fase do proxecto, ao que Greenalia denomina como « Eolo I CBT” inclúense outros catro parques, Bustelo, Monte Toural, Touriñán e este que nos ocupa, O Campelo. A empresa está a pechar filas cos propietarios dos terreos para negociar o alugueiro dos mesmos por 30 anos, ou se non hai máis remedio se non é así, proceder á súa expropiación forzosa, como dicimos, tras a declaración de utilidade pública.
Nestes montes existe moita fauna ademais, sobre todo rapaces, morcegos e bufos polo que tamén se pide un control e seguimento dunha posible afección.
Sobre a afección ao paisaxe a Xunta di que non afecta á fervenza de San Paio por estar na «visual contraria», nin á lagoa porque na zona hai moita «vexetación». Sobre o efecto de campos electromagnéticos polos aeroxeradores afirma que a afección é «moi baixa», e respecto ao «efecto parpadeo en sombra» durante a fase de funcionamento, pide facer un seguimento. En calquera caso, con todos os permisos en regra, a empresa afirma que está previsto o inicio das obras, como moi tarde, a mediados deste ano 2021.
Paradoxalmente Greenalia afirma o seu compromiso ambiental cultivando exemplares da ‘centaurea ultreiae’ para repoboar en Bustelo
A empresa Greenalia afirma que continúa co seu compromiso ambiental en todos aqueles lugares nos que desenvolve os seus proxectos. Nese marco de conservación da biodiversidade e os ecosistemas, a compañía puxo en marcha o plan especial para o reforzo poboacional da centaurea ultreiae, unha especie autóctona presente no concello de Coristanco.
Para a elaboración e desenvolvemento deste programa, Greenalia destina unha partida de 200.000 euros que se canalizan través dun acordo de colaboración co Centro de Investigación Forestal de Lourizán, dependente da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, (AGACAL), a Escola Politécnica superior de enxeñería (EPSE), Campus Terra de Lugo (USC). Ao amparo deste acordo, cuxa vixencia se estende ata o ano 2024, o equipo de traballo, liderado polo doutor en Bioloxía e especialista nesta planta, Francisco Javier Silva Pando, e polo catedrático do campus de Lugo da USC, Antonio Rigueiro Rodriguez, realizou xa unha primeira fase que estivo centrada no diagnóstico de situación da planta. Así durante o 2020 e parte de 2021 levou a cabo unha ampla prospección nunha área extensa do concello de Coristanco onde se pode atopar esta especie.
Tras un importante traballo de mostraxe no que se fixeron labores de detección e de comportamento poboacional en 22 parcelas para ver o tipo de plantas existentes e os sistemas de reprodución, co obxectivo de ter datos o máis detallados de evolución desta planta, concluíuse que o censo real e numérico de presenza da centaurea na contorna de Monte do Castelo na confluencia dos municipios coruñeses de Coristanco, Santa Comba, Tordoia e Val do Dubra é de 7.587 exemplares.
Con estas cifras, os responsables do proxecto estiman que a poboación total de centaurea ultreiae está comprendida entre 15.000 a 20.000 vástagos, o que representa o dobre ou triplo dos censos realizados, anteriormente, a estes traballos e ofrece, por tanto, un escenario positivo para a súa conservación. Hai que subliñar que esta planta, perenne, pódese atopar en claros de matogueira e a beiras dos camiños. É identificable pola roseta que conforman as súas follas e as cabezuelas de ata catro centímetros de diámetro de onde xorden flores de corola amarela ou, nalgunhas variantes, alaranxada.
Unha vez identificadas e localizados os exemplares, procedeuse a unha recollida de material adulto e de sementes para o seu estudo xenético co fin de analizar a viabilidade de germinación tanto de semente como de fecundación in vitro e ter así datos precisos para poder implementar a futuro o proceso de repoboación da especie. Tras as diferentes probas, conseguíronse recoller máis de 3.000 sementes viables e neste momento case 2.000 están xa en fase de multiplicación e 30 atópanse preparadas para a súa aclimatación en campo, co que a perspectiva de que existan case 2.000 exemplares preparadas para a súa plantación no momento en que se desenvolva o parque eólico Bustelo, promovido por Greenalia.
O TSXG anula a repotenciación do parque eólico do Roncudo, en Corme
O alto tribunal considera que o prazo de exposición do informe de impacto ambiental debeu ser de 30 días e non de 15 días, apoiándose nas directivas europeas. O fallo non é firme e hai posibilidade de presentar un recurso de casación. Nunha sentenza considerada «pioneira» neste ámbito indícase que o “interese especial” declarado pola Xunta non xustifica a redución destes prazos. Sinalan que antes da exposición debéronse presentar os informes sectoriais.