domingo, 19 abril , 2026

España perdeu co Canadá (85-88) e quedou eliminada do Mundial de baloncesto

1 minutes read

A selección española non poderá defender o título de campión mundial de baloncesto logo de perder co Canadá e quedar fóra dos cuartos de final (85-88).

Era un partido a vida ou morte para os dous equipos. O primeiro cuarto resultou igualado (21-21) e foi no segundo cando España comezou a marcar diferenzas cun Willy Hernangómez letal na pintura. O pívot español fixo 14 puntos na primeira parte e permitiu que España comezase a abrir unha fenda (40-33) que levou ata os dez no descanso (48-38). 

A reacción do Canadá non se fixo agardar. O inicio do terceiro cuarto resultou demoledor (4-17 de parcial). Os americanos puxéronse por diante (52-55) pero España aguantou ese momento crítico e acabou ese período cun parcial de 9-0 que devolvía a vantaxe por riba dos dez tantos (73-61). 

Os nervios xogaron o seu papel no último cuarto. Ningún dos dous equipos vía o aro con facilidade e custaba ferro e fariña anotar unha canastra. O Canadá empezou a recuperar puntos e púxose a 1:51 do final a un só punto (78-77). 

Nos minutos da verdade apareceu a calidade de Girgeous Alexander (30 puntos) que acabou decidindo desde o tiro libre. Unha tripla de Aldama deulle vida a España (85-86) pero o triunfo acabou caendo do lado canadiano.