O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou no edificio da Xunta en Pontevedra o Gran Premio de España de Supermoto e cuarta proba do Campionato de Europa que se disputará “nunha das mecas europeas do motociclismo” como é o circuíto da Madalena de Soutelo de Montes (Forcarei) os próximos 24 e 25 de agosto e que contará cos mellores riders do mundo.
Esta proba será a única do europeo que se leve a cabo en España xa que a anterior tivo lugar en Poznan (Polonia) e as dúas primeiras máis a última disputáronse en Italia. Nas súas palabras, José Ramón Lete agradeceu o traballo da Federación Galega e ao Motoclub VFM que permiten que probas “desta natureza” teñan lugar en Galicia e que os espectadores galegos teñan a posibilidade de ver en acción a «vinte participantes que veñen de Francia, Italia, Alemaña, Finlandia, Estonia, República Checa, Colombia, Brasil ou Portugal”.
A presenza galega estará garantida na manga paralela á internacional na que competirán outros pilotos nacionais e portugueses. Do mesmo xeito, Lete Lasa fixo un percorrido polos últimos éxitos do motociclismo galego que atravesa un excelente momento e aproveitou para felicitar a Gabriel Marcelli polo recentemente conseguido campionato de Europa de Trial. Son estes triunfos, dixo o secretario xeral, “os que animan a que aumenten as licenzas deportivas da federación que xa subiron un 15% no último ano”.