A Dirección Xeral de Saúde Pública facilitará durante esta fin de semana (18-19 novembro) a vacinación fronte á gripe dos menores con idades comprendidas entre os 6 e os 59 meses, durante as xornadas deste sábado e do domingo.
O departamento sanitario vén de enviar un conxunto de SMS aos proxenitores dos nenos e nenas deste tramo de idade, que aínda estean sen vacinar fronte á gripe. Así, a medida ten por obxecto facilitar que os pais e nais poidan acompañar aos seus fillos ao conxunto de hospitais da rede sanitaria pública galega cunha maior comodidade.
Sanidade remarca a importancia que posúe inmunizar á cativada fronte á gripe, estando recomendada a súa administración de forma sistemática para este tramo de idade.
Durante esta fin de semana (18-19 de novembro) citarase á vacinación no conxunto de hospitais da rede sanitaria pública galega; agás no caso do Hospital de Monforte (que terá lugar no anexo ao IES Río Cabe); e no dos hospitais do Barco de Valdeorras e Verín, cuxa citas están fixadas para a vindeira fin de semana (25-26 novembro).
Nesas dúas xornadas (25 e 26 de novembro), Saúde Pública completará a citación dos menores para vacinarse da gripe, continuando soamente nas áreas da Coruña-Cee; Vigo; Santiago-Barbanza; Ourense, e as xa mencionadas, Verín e O Barco de Valdeorras.