Este domingo terá lugar en Cee o acto de clausura da XII Edición do programa O Mes da Fundación

1 minutes read

Este domingo 26 de outubro, a partir das 18 horas, terá lugar no Instituto Fernando Blanco o acto de clausura da XII Edición do programa O Mes da Fundación.
Este ano, e debido á conmemoración do 150 aniversario de tres episodios capitais para a historia da vila de Cee (sinatura do testamento na Habana, pasamento do mecenas e nacemento da Fundación), a Fundación Fernando Blanco vai facer un acto de peche de programa con tres actividades diferentes pero sen pausa entre elas.
En primeiro lugar, e trala intervención de Darío Areas, Secretario da entidade, farase entrega dos diplomas de recoñecemento a tódalas persoas que formaron parte do órgano reitor da entidade dende a creación do Padroado no ano 1960. Un total de 28 persoas serán recoñecidas, ben a título persoal ou a título póstumo, como mostra de agradecemento polo seu traballo a prol da centenaria entidade ceense.
Trala entrega de diplomas, Antía Muíño, acompañada do saxofonista Miguel Arribas, serán os encargados da actuación musical, interpretando seis temas.
E para poñer o broche de ouro á xornada terá lugar a tradicional ofrenda floral no sepulcro da capela do propio Instituto onde repousan os restos do fundador, ofrenda que contará coa participación de Tomás Lagoa, que á gaita interpretará os acordes do Himno do Antigo Reino de Galicia.
Unha xornada especial e que quedará marcada, como tantas outras, na dilatada historia da Fundación Fernando Blanco de Lema.