Este mes comezarán as obras da senda peonil de Quenxe ao faro de Cee, en Corcubión

2 minutes read

Trátase da construción dunha senda peonil, ampliación e mellora da estrada DP-2801 de Corcubión a San Roque por Redonda, que permitirá unir a zona urbana de Quenxe co faro de Cee, un percorrido de arredor de 6 quilómetros financiado pola área de Vías e Obras da Deputación da Coruña.

Os traballos «que se iniciarán en semanas e estarán rematados a vindeira primavera suporán unha notable mellora na seguridade peonil, tanto para os veciños e veciñas que usan este itinerario para pasear e facer deporte como para os miles de visitantes que conflúen neste punto no período estival» e forman parte dun «ambicioso proxecto de futuro para crear un gran itinerario peonil que circunde boa parte da costa de Corcubión e que permita gozar das paisaxes únicas que ofrece», indicou na visita ao lugar o presidente provincial Valentín González Formoso.

Pola súa banda, o alcalde de Corcubión, Manuel Insua, destacou que se trata dun «investimento moi importante para un municipio coma Corcubión, pois practicamente equivale ao orzamento anual do Concello».

«isto vai a ser un antes e un despois, non só para os veciños e veciñas de Corcubión se non para os de municipios próximos porque vai crear un hábito de paseo dando a volta á península da Redonda» e destacou que «o investimento que se fai nesta obra supón o orzamento que ten o Concello de Corcubión anualmente».

Insua tamén sinalou que «hai moi poucos sitios na provincia que teñan estas vistas xa que desde o punto onde finaliza a senda peonil pódense ver o Monte Pindo, a Illa Lobeira e o cabo Fisterra» e adiantou que «non vamos a quedarnos aí, a nosa ambición é que teña continuidade».

Obras

As obras abarcarán desde o punto quilométrico 0,7 (Quenxe) ao 2,5 bordeando a ría. Executarase a ampliación da vía ata os 7 metros de ancho, con dous carrís de 3,5 metros, beiravías de medio metro na marxe esquerda e unha senda peonil de 2 metros de ancho ao longo de toda a marxe esquerda da estrada. As actuacións prolongaranse tamén ao ramal que conduce ao faro de Cee pasando polo campo de fútbol. Alí a vía contará cunha anchura de 6 metros, con dous carrís de 3 metros, beiravías de medio metro e unha senda peonil de 2 metros. As actuacións completaranse nun futuro co proxecto da Senda dos Faros, incluído no Plan director de mobilidade do Goberno provincial.