Este outono comezarán as obras da rúa Argüelles no barrio de Ferrol Vello

1 minutes read

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, adiantou este venres que este outono comezarán as obras do inmoble ubicado no número 1 da rúa Argüelles, no barrio de Ferrol Vello.

Foi durante unha visita a esta zona emblemática da cidade, onde avanzou que -tras a adxudicación das obras a finais do mes de agosto por un importe de máis de 330.000 euros- este mes se poderá asinar a acta de replanteo que permiten o inicio das obras, coas que se habilitarán dúas vivendas e un local neste inmoble.

Declaracións de Ángeles Vázquez.

Recordou que esta actuación execútase a cargo do Programa Rexurbe, unha iniciativa autonómica para a recuperación de conxuntos históricos e áreas especialmente degradadas; e que en Ferrol se traduce nun investimento de case 6 millóns de euros para recuperar e rehabilitar, ademais do inmoble da rúa Argüelles, 13 edificios máis adquiridos a cargo da convocatoria do ano 2018 e que este luns, 9 de setembro, se licitará o contrato para a redacción dos proxectos, avanzou.

A conselleira de Medio Ambiente salientou que o éxito recollido por este programa na súa primeira convocatoria (a de 2018) animou ao Goberno galego a realizar unha nova convocatoria en 2019, que se ampliou aos concellos de Tui e Ribadavia. O prazo para a presentación das ofertas rematou o pasado 31 de xullo e agora o Instituto Galego de Vivenda e Solo está a analizar as sete ofertas presentadas para adquirir case unha decena de inmobles en Ferrol. Estas actuacións completaranse coa rehabilitación do edificio de Virxe-19, na que se investirán 250.000 euros.