Estreadas as presentacións literarias da XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas

2 minutes read

Este xoves comezaron as presentacións literarias da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña. Os autores protagonistas da xornada foron Nerea Pallares, coa súa obra ‘Punto de Araña’ e Anxo Mouzo, con ‘A Princesa Dourada’.

‘Punto de Araña’, de Nerea Pallares, xa foi galardoada co Premio García Barros. Esta obra mergúllanos nun relato mariñeiro e coral ambientado na nosa Costa da Morte, tecido coas voces de tres xeracións de mulleres. É unha verdadeira e fermosa homenaxe ás mans que traballan en silencio e que tecen as redes invisibles que nos sosteñen.

A alcaldesa, Sandra Insua, destacou que desde o Concello “sentimos moito orgullo de ver reflectida nesta obra a esencia da nosa xente e o espírito das nosas mulleres, algo que conecta profundamente co labor incansable das nosas propias palilleiras”.

Por outro lado, ‘A Princesa Dourada’, é a primeira novela do veciño de Camelle, Anxo Mouzo Moreira. Esta obra de fantasía xuvenil mestura maxistralmente a maxia e a épica coa vida cotiá da Costa da Morte. Nesta historia Xosé e Marica amosan que as grandes aventuras e os reinos fantásticos tamén poden nacer das nosas rúas e da nosa xente.

“Sentiamos un orgullo inmenso ao ver como as novas xeracións levan o nome da nosa terra á literatura e demostran a súa capacidade para crear mundos imaxinarios sen perder a raíz da súa terra natal. É un verdadeiro luxo apoiar e dar voz a creadores coma el”, indicou a rexedora.

Próximas presentacións

A programación literaria continuará o venres 3 de abril ás 12:00 horas coa presentación de ‘Ángeles acusadores’ a cargo do seu autor, Diego Garrote.

O sábado 4 de abril o recinto acollerá dúas novas citas. Ás 11:40 horas, Alfonso de Sas presentará ‘1898 – El padre ausente’, a última parte da triloxía de ‘El Cementerio de los Ingleses’. Por último, ese mesmo sábado ás 12:00 horas, presentarase ‘A Costa da Morte, naturalmente única’ de Xan Fernández Carrera e Antonio Fernández, un acto que correrá a cargo de Pepe Formoso.