Estrella Galicia merca o centro comercial Comcor

1 minutes read
  • Hijos de Rivera pechou este venres o acordo para continuar o seu desenvolvemento de negocio

A compañía cervexeira coruñesa adquire o centro comercial Comcor, situado fronte á súa fábrica da Grela. En total, un espazo de máis de 18.000 metros cadrados, propiedade ata este momento de Mueble Juvenil S.A. Unha operación cunha clara visión estratéxica, a través da que a cervexeira galega impulsa o espectacular crecemento dos últimos anos, nos que duplicou a súa facturación e o número de empregados. Por iso é polo que a empresa procura novos espazos nos que albergar oficinas e seguir desenvolvendo o seu negocio, coa intención clara dunha proxección cada vez máis internacional. As parcelas adquiridas contan cunha edificabilidade máxima permitida de 37.800 metros cadrados. Deste xeito, queda clara a aposta de Hijos de Rivera por manter o seu centro de operacións na Coruña.

A fábrica da Grela inaugurouse en 1972, e supuxo o traslado da fábrica de Catro Camiños, onde a compañía iniciou as súas operacións en 1906, ao novo enclave. Esta operación súmase á compra dos terreos situados na Grela que antes ocupaba o campo de fútbol A Grela II, efectuada xusto hai un ano. O centro comercial Comcor, fundado pola familia Amorín, pechou hai unhas semanas definitivamente as súas portas, despois de que os establecementos que o ocupaban fosen desaparecendo progresivamente.