- O alumnado, que cursa 3º de Educación Social, foi recibido pola propia alcaldesa
O Castelo de Vimianzo acolleu na tarde deste mércores unha saída de campo por parte do alumnado de 3º curso de Educación Social da Universidade da Coruña. Baixo o título «Educación Social nas políticas culturais, en contextos rurais», os estudantes contemplaron de primeira man a Mostra de Artesanía en Vivo escoitando ademais a experiencia de Carmen Riveiro, que leva 37 anos apostando pola artesanía na fortaleza soneirá.
A técnica de Cultura, Nieves Lema, foi a encargada de proporcionarlles información sobre a Mostra, mentres que a técnica de Turismo, María Victoria Amigo, facilitou aos alumnos coñecementos previos sobre o famoso castelo.
Nesta visita non faltou a alcaldesa, Mónica Rodríguez, que recibiu ao grupo en persoa agradecéndolles o interese «nunha das nosas xoias patrimoniais, como o é o Castelo».