A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, lembra que a Proposición de Lei da Comunidade Autónoma para a transferencia da titularidade da AP-9 a Galicia conta co respaldo unánime dos partidos galegos, que en tres ocasións votaron a favor no Parlamento autonómico, ademais de contar coa conformidade da Xunta.
A conselleira salientou que esta transferencia é “máis necesaria ca nunca” para acadar unha xestión da infraestrutura eficaz, pegada ao territorio e máis acorde aos intereses dos galegos, que é a principal vía de comunicación da Comunidade e que vertebra o territorio no que vive máis do 60% da poboación.
Sinalou que a transferencia da titularidade da AP-9 é conforme á lexislación vixente e, polo tanto, xuridicamente viable, ademais de ser beneficiosa para os cidadáns. Nese sentido, trasladou que as competencias sobre a AP-9 lle permitirían á Xunta unha xestión “pegada ao territorio”, velar con máis eficacia pola calidade do servizo e ofrecer unha resposta áxil e directa ás necesidades dos usuarios.