Ethel Vázquez | ‘Defenderemos os intereses do empresariado afectado polo corte da A-6’

1 minutes read

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, garantiu que a Xunta defenderá os intereses do empresariado galego afectado polo corte da Autovía A-6. Así o asegurou no encontro que mantivo co Comité Executivo da Cámara de Comercio da Coruña na sede da entidade.

Vázquez Mourelle manifestou a gran preocupación do Goberno galego polo acontecido no viaduto do Castro desta autovía, que representa un dos principais accesos a Galicia e cuxo corte, indefinido polo momento no tempo, xera un forte impacto de tráfico, de seguridade viaria, de ruído e molestias para os veciños de Pedrafita, de turismo e, sobre todo, económico.

Ante este problema, a Xunta actuará coa máxima lealdade institucional, pero tamén coa máxima lealdade cos galegos e considerou que se trata dun “problema nacional” que chega, ademais, nun momento moi complexo para diferentes sectores económicos, pola inflación e a alza de prezos dos carburantes, que asfixian o transporte de mercadorías, cunha nova ameaza de paro.