Ethel Vázquez sae do Goberno, Candia non entra e Santalices segue de presidente do Parlamento

1 minutes read

O deputado máis veterano e o presidente con mandato máis prolongado na institución. O ourensán Miguel Santalices presidirá tamén o Parlamento de Galicia na duodécima lexislatura, que bota a andar este 18 de marzo coa constitución da Cámara elixida nas eleccións do pasado 18F.

As confirmacións dos nomes das persoas que o PP situará na nova Mesa do Parlamento avanzan tamén a saída da Xunta de Ethel Vázquez. A responsable da consellería de Infraestruturas -con diversas competencias anexas que foron variando, dende o Medio Ambiente á Vivenda ou a Mobilidade- na última década ve degradado o seu rango e poder ao pasar do Executivo a secretaria primeira do lexislativo. “Sei que o agora o fará tan ben como o fixo no Goberno”, afirmou a través de X o presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda.

Quen tampouco estará no novo gabinete de Alfonso Rueda será Elena Candia. A presidenta do PP de Lugo, voceira municipal deste partido na capital da provincia e cabeza da lista lucense do PP o 18F seguirá sendo vicepresidenta primeira do Parlamento, confirma o PP.