Eva Veiga, premio de Honra dos Mestre Mateo do audiovisual galego

1 minutes read

A Academia Galega do Audiovisual acordou homenaxear este ano a Eva Veiga co Premio Fernando Rey como exemplo de “profesionalidade, creatividade e resiliencia”, por formar parte desa xeración que fixo posible “unha televisión pública comprometida coa información, a divulgación e a construción da identidade de varias xeracións de galegas e galegos” e pola súa traxectoria vital, “que transita da memoria á vangarda, empregando a comunicación e a creación como ferramentas ao servizo da nosa cultura e do noso audiovisual”.

Nada en Pontedeume en 1961, foi unha das xornalistas que participou na primeira emisión da Televisión de Galicia no ano 1985, ademais de presentar, xunto con Mon Santiso, o primeiro programa informativo da canle pública. Nela desenvolveu unha intensa carreira profesional vinculada a programas culturais, nos que tivo a ocasión de entrevistar figuras como José Saramago, Eugenio Granell, Leopoldo Novoa, Ramón Villares, Marina Mayoral, Manuel Colmeiro ou Xosé Neira Vilas. Dirixiu e presentou Galicia no tempo, primeira gran serie documental producida e realizada pola TVG, sobre a historia da arte na nosa Comunidade.

Autora dunha inxente obra poética, resultou galardoada cos premios Fiz Vergara Vilariño, AELG, Premio da Crítica de poesía galega ou Antón Losada Diéguez, entre outros.

Como actriz, aparece nas longametraxes A cicatriz branca e Nación, de Margarita Ledo, xunto a quen guioniza o seu próximo filme, Prefiro condenarme.