- Sucedeu ao fío das 22:45 horas deste venres, nun inmoble na Avenida da Coruña
Os servizos sanitarios tiveron que evacuar a dúas persoas con síntomas de intoxicación por monóxido de carbono ao Hospital Virxe da Xunqueira (Cee) durante a noite deste venres.
Ocorreu nunha vivenda na Avenida da Coruña, onde os bombeiros puideron comprobar como a mala combustión dun aparato produtor de calor provocou a acumulación suficiente de monóxido a punto de provocar síntomas de intoxicación en dous dos moradores que se atopaban no inmoble.
Ao fío das 22:45 horas, o 112 Galicia recibiu a alerta a través da chamada dunha persoa particular que solicitaba axuda para dous membros da familia que experimentaban unha sensación de malestar xeral.
Decontado, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia pasouse aviso aos servizos sanitarios, aos Bombeiros de Cee, aos axentes da Garda Civil, aos efectivos de Protección Civil de Fisterra e á empresa subministradora de combustible da zona.