Un home e único ocupante dun turismo que rematou fóra da vía resultou ferido de consideración este sábado en Coirós.
O accidente produciuse na A-6, concretamente no punto quilométrico 555 en sentido a Madrid, e foi preciso cortar o tráfico na autovía nese tramo mentres un helicóptero medicalizado atendía ao varón accidentado. Finalmente, o home ferido foi evacuado na aeronave a un centro hospitalario.
Varias persoas particulares contactaron co 112 Galicia para dar conta do sinistro. Decontado, desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros de Betanzos, do GES de Curtis e do servizo de mantemento da vía.
Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos axentes da Garda Civil de Tráfico, a autovía quedou aberta de novo ao tráfico unha vez evacuada a persoa accidentada.