Evacuados en helicóptero o condutor dun camión que envorcou en Outes e un ferido nunha colisión na Estrada

1 minutes read

Non houbo máis feridos. O accidente ocorreu arredor das 18:30 horas deste luns, momento no que un particular contactou co 112 Galicia para indicar que un traballador envorcara co seu camión cando estaba descargando unha tremoia. Sucedeu nunha finca de Fontenlos, da parroquia de Entíns.

Decontado, os xestores do 112 Galicia informaron ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizaron o helicóptero medicalizado con base en Santiago ata o lugar. Tamén acudiron os Bombeiros de Boiro e os de Ribeira, ademais do GES de Noia, pois eran precisos medios para baixalo da cabina do camión.

Finalmente, a persoa foi trasladada a bordo do helicóptero ata o Hospital Clínico de Santiago.

Trasladado en helicóptero tras unha colisión frontal na Estrada
O accidente produciuse uns dez minutos despois das 18:00 horas deste luns, no quilómetro 207 da N-640. Segundo a información recollida polo 112 Galicia, fora unha colisión frontal entre dous turismos, con varios feridos tralo impacto e posibles atrapados, aínda que non foi preciso excarcerar.

Rapidamente, desde o CIAE 112 Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e ao Servizo Municipal de Protección Civil da Estrada.

As urxencias sanitarias mobilizaron o helicóptero de Santiago ata o punto, de maneira que trasladaron nel a unha persoa. Houbo outros dous feridos que foron evacuados en ambulancia.