Excarceran ao condutor dun turismo en Oleiros tras colidir contra un poste

1 minutes read

O condutor dun turismo tivo que ser liberado polos equipos de intervención na mañá deste xoves despois de sufrir unha saída de vía e chocar contra un poste na parroquia de Liáns, no concello de Oleiros.

Foron os axentes da Policía Local quen chamaron ao 112 Galicia para avisar dun accidente de tráfico na estrada que une Perillo e Oleiros, precisamente na localidade de Montrove. Durante a comunicación informouse aos xestores do 112 que o home non era quen de saír polos seus propios medios.

Decontado, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia púxose a situación en coñecemento dos profesionais sanitarios, dos Bombeiros de Arteixo e do Servizo Municipal de Protección Civil de Oleiros.

Unha vez no lugar, o persoal de emerxencias fixo uso do material de excarceración para remover a porta do vehículo e acceder ao condutor ferido que, finalmente, puido ser evacuado en ambulancia ata o centro hospitalario.

Cómpre sinalar que para garantir as condicións de seguridade na vía e efectuar a retirada do poste de telecomunicacións caído tras o impacto, desde o 112 avisouse tamén aos axentes da Garda Civil de Tráfico, ao servizo de mantemento das estradas e á empresa subministradora.