Excursión a Valença do Minho, Bueu e Marín para residentes en Cabana maiores de 60 anos

1 minutes read

O Concello de Cabana de Bergantiños organiza unha nova viaxe dirixida ás persoas maiores de 60 anos, cun completo itinerario que levará aos participantes a coñecer a vila portuguesa de Valença do Minho, así como as localidades pontevedresas de Bueu e Marín.

A excursión terá lugar o mércores 4 de xuño de 2025, cunha saída prevista ás 7:45 horas dende a Casa da Cultura de Cabana. A primeira parada será na feira e na coñecida Fortaleza de Valença do Minho, onde tamén se desfrutará dunha comida típica nun restaurante portugués. Pola tarde, faranse visitas ao Museo Massó de Bueu e á localidade de Marín. O regreso a Cabana está estimado para as 21:30 horas.

O prezo da actividade é de 39 euros, que inclúe o transporte, o almorzo e a comida. As persoas interesadas deberán realizar a preinscrición entre o 12 e o 16 de maio, podendo facelo de forma online a través da web municipal, redes sociais e servizos de mensaxería do Concello. Aquelas que teñan calquera tipo de dificultade poderán facer a preinscrición de maneira presencial nas dependencias do Concello, en horario de 9:00 a 14:00 horas.