O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, quixo trasladar unha mensaxe de tranquilidade defendendo a calidade do peixe galego e chamou a seguilo consumindo por non comprometer a vertedura de pellets de plástico ao litoral galego a seguridade alimentaria. Fíxoo, porén, cunhas curiosas declaracións das que se fixeron eco as redes sociais.
Nunha visita á lonxa de Portonovo (Sanxenxo), Villares salientou que, no caso de que un peixe inxira algún destes microplásticos, estes quedarán nas tripas: «Non sei se algún cidadán come os aparatos dixestivos dos peixes, eu non. Eu intento apartalo».»O aparato dixestivo dos peixes non se come» E no caso de que algunha persoa acabe inxerindo accidentalmente algún plástico, «entran por onde entran e saen por onde saen».
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, exixiu a dimisión «inmediata» do Conselleiro do Mar, Alfonso Villares, polas “inaceptábeis e vergoñentas” manifestacións que fixo na cuarta feira sobre os pellets de plástico que inundan as costas galegas. «Nunca demostrou preparación nin coñecemento sobre a actividade pesqueira. De feito, cando tomou posesión, el mesmo recoñeceu que ía dedicar o seu tempo a coñecer o sector», dixo Tomé. Para el é algo “incomprensíbel”, que o Conselleiro do Mar non “saiba nada da materia e dos recursos que lle toca xestionar e as súas declaracións non deixan lugar a dúbidas da súa total incapacidade para exercer o cargo que ostenta, e nin sequera para representar a cidadanía”.