- Prevese que o avión aterre no noso país á primeira hora deste sábado 28
O Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación decidiu activar, por primeira vez na historia de España, o Mecanismo Europeo de Protección Civil para facer unha operación en Centroamérica que permitiría dar saída a 400 turistas españois que se atopan en Guatemala, O Salvador e Honduras así como unha cincuentena de europeos sen ningún alternativa nin posibilidade de medio de transporte comercial para emprender o seu regreso a España.
A medida, que se adopta con carácter excepcional e debido á imposibilidade de vías alternativas para facilitar o regreso destes españois aos que a crise do COVID19 sorprendeu nestes países, executarase a través dun voo chárter operado pola compañía WamosAir que sairá o 26 de marzo de Madrid a Guatemala, logo continuará o seu roteiro ao Salvador e, finalmente, emprenderá voo desde Honduras a España onde está previsto que o continxente cos 400 españois aterre o sábado á primeira hora da mañá.
Mentres tanto, as 215 representacións de España no estranxeiro seguen intensificando os seus esforzos en atopar solucións para facilitar que os turistas españois que se atopan con dificultades poidan regresar a España. Para iso, a unidade de crise do Ministerio segue traballando en estreita colaboración coas principais compañías aéreas, axencias de viaxe e provedores de transporte, así como co resto de socios europeos para organizar os regresos dos cidadáns españois e europeos.
O Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación mantén por outra banda a recomendación aos 2,7 millóns de españois que residen permanentemente no exterior para que permanezan nos seus lugares de residencia, sigan os consellos das autoridades locais e respecten as normas de corentena que poidan decretarse.