A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, avanzou este mércores, nunha visita ao hotel O Semáforo de Fisterra, que xa son preto de 900 os establecementos hoteleiro adheridos ao Carné+65. Durante a visita, fixo entrega ao persoal do distintivo que o acredita como parte do programa, ofrecendo un 10% de desconto aos maiores de 65 anos. Ademais, xunto a este tamén se sumaron á iniciativa outros establecementos da mesma firma: o hotel do Faro de Lariño, en Carnota, e o hotel Banco Azul de Fisterra.
O Carné+65, que é 100% gratuíto, abrangue nestes momentos a preto de 900 establecementos espallados por toda a xeografía galega, se ben a previsión é que esta cifra se amplíe ata os 1.000 a finais de ano. Nestes momentos, xa son máis de 600.000 persoas as que contan coa tarxeta e poden desfrutar dos beneficios incluídos.
Entre as posibilidades que ofrece o carné atópanse descontos directos de ata o 30%, beneficios especiais en numerosas actividades e vantaxes nunha ampla variedade de servizos: establecementos turísticos como axencias de viaxes; de lecer e ocio; comerciais, ou destinados ao coidado e benestar, como poden ser as ópticas. Ademais, sinalou que toda a información está recollida na páxina web da iniciativa, na que os beneficiarios poden consultar toda a relación de establecementos onde poden desfrutar das vantaxes que lles ofrece o carné.