Fabiola García anunciou que Ponteceso acollerá un novo centro residencial con 140 prazas

2 minutes read

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, puxo en valor este xoves o labor do alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, por mellorar o benestar dos seus veciños, que contarán coa primeira residencia de maiores do concello. Fíxoo no acto de presentación deste proxecto, que se desenvolverá no centro urbano da man da iniciativa privada e coa colaboración da Xunta.

Fabiola García destacou que este novo centro residencial de vangarda, de case 6.000 metros cadrados, contará con 140 prazas e estará organizado en unidades de convivencia e varios apartamentos tutelados. Permitirá, ademais, a xeración de emprego na zona, coa posta en marcha de arredor de 90 postos de traballo.

A conselleira sinalou que a Xunta traballa para que as persoas maiores poidan elixir onde e como queren pasar esta etapa das súas vidas, que, de maneira maioritaria, é na súa contorna. Para atender a esta preferencia, explicou, o Goberno galego impulsou medidas pioneiras como o Bono Coidado no Fogar, que reciben xa case 40.000 galegos, e blindou outras como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

Ao respecto do SAF, destacou a suba do financiamento da Xunta a este servizo que xestionan os concellos. Este incremento é posible tras un acordo histórico coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que no caso de Ponteceso suporá un incremento extra de case 337.000 euros, sumando 1,14 millóns de euros en tres anos.

Ademais, Fabiola García explicou que para aquelas persoas maiores que precisan doutro tipo de coidados, máis especializados, o Executivo autonómico está a ampliar a oferta de prazas residenciais. A través da creación de 3.500 novas prazas nos próximos tres anos, entre as que se inclúe o novo plan de residencias, que suporá a posta en marcha de 24 novos centros; así como do desenvolvemento do novo modelo de coidados centrado nas persoas e no aproveitamento das novas tecnoloxías.