A súa familia confirmou que morreu na mañá deste xoves ás 9:30 horas no Chuac. Os seus restos serán velados no tanatorio San Antonio de Carballo.
Consumouse o triste desenlace da noticia que avanzabamos na tarde deste martes en nhdiario.es. Unha muller de 72 anos de idade, Manuela V. R. era atropelada por un ciclista na parroquia carballesa de Cances. Concretamente o accidente produciuse nunha pista asfaltada que dá acceso ao campo de fútbol de Vilariño, bastante transitada pola “moda” da subida ao Monte Neme, onde termina dita pista.
Dous ciclistas subían en sentido ao campo de fútbol cando de súpeto nunha curva moi pechada se atoparon de fronte con dúas señoras que estaban a pasear. Un dos ciclistas non foi capaz de esquivar a unha das mulleres e impactou contra ela. A señora caeu para atrás golpeándose a cabeza contra o asfalto, quedando inconsciente e gravemente ferida.
O propio ciclista, que resultou ileso, chamou ao 112 para pedir axuda e unha ambulancia do 061 trasladou á muller ao hospital en estado moi grave. Este xoves dábase a coñecer a fatídica noticia do seu falecemento, ao non recuperarse das feridas sufridas tras o golpe recibido.
Dáse a circunstancia de que Manuela perdera a unha filla adolescente noutro brutal accidente de tráfico acontecido en Xoane e que conmocionou á comarca a principios dos anos 90, onde tamén faleceu o condutor do turismo en que viaxaba, resultando gravemente feridas dúas persoas máis.