Falece ao cravárselle unha peza de ferro na cabeza mentres rozaba o monte


Un home perdeu a vida este sábado en Padrenda cando rozaba unha zona de monte cunha máquina, a cal colleu un ferro que saíu disparado e o alcanzou na cabeza, o que lle causou unha ferida mortal.

Foi un compañeiro do home falecido quen daba a voz de alarma ao 112, de contado, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia solicitou a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou ata o lugar dos feitos, en Lavandeira, un helicóptero medicalizado e, a pesar dos esforzos, os servizos médicos nada puideron facer por salvarlle a vida.

Cómpre sinalar que, para prestar apoio ao equipo médico desprazado na aeronave, os xestores do CIAE 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento do GES de Ribadavia e dos axentes da Garda Civil.