O OAR Coruña e o deporte da cidade herculina están de loito. Pablo Aguirregabiria, adestrador do equipo de balonmán coruñés, faleceu este martes aos 51 anos nun accidente de tráfico, cando circulaba pola A-6, no termo municipal de Baralla, en Lugo. Comezou no OAR como xogador en 1990 mentres estudaba no centro Inef da Coruña e compatibilizou a súa actividade como xogador e adestrador de base, creando numerosas escolas e equipos en diferentes colexios da cidade. Posteriormente, foi adestrador do Calvo Xiria tres tempadas, estivo unha tempada en Canarias e volveu ao OAR como adestrador e director deportivo, función que desempeñou desde 1999 ata o fatal accidente deste martes. No seu palmarés figuran varios ascensos a Primeira División e División de Honra Prata. A familia está “esnaquizada” polo falecemento do adestrador, explicou unha voceira do club que confirmou a traxedia. Numerosas mostras de condolencia dende todos os status do deporte non paran de sucederse na memoria de Pablo.
Comunicado da Xunta de Galicia
O Goberno galego emitiu un comunicado no que quere trasladar o seu pésame aos seus seres queridos e a toda a familia do OAR. O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, gabou a figura de Pablo, un home que “a pesar de nacer en Guipúzcoa, estivo dende moi novo vencellado á Coruña e ao OAR, onde foi xogador, adestrador, xestor ou director técnico, amosando a súa gran polivalencia e o seu grande amor pola Coruña e polo balonmán galego”. Neste sentido e para recordar a memoria de Pablo Aguirregabiria, o vicepresidente segundo anunciou que será galardoado coa distinción ao Mérito Deportivo da Xunta de Galicia a título póstumo.