Unha persoa perdeu a vida despois de sufrir un accidente de tráfico no concello de San Cibrao das Viñas. O sinistro, que consistiu nunha saída de vía, tivo lugar no quilómetro 227 da estrada OU-525, ao seu paso pola parroquia de Noalla.
A alerta inicial saltou no 112 Galicia arredor das 06:20 horas deste domingo a través do aviso dun smartphone. Malia que os xestores de emerxencias tentaron establecer contacto co propietario do teléfono sen éxito, minutos despois o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 confirmaba a existencia dunha saída de vía no punto indicado polo dispositivo.
De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias informouse aos Bombeiros de San Cibrao, ao GES do Pereiro de Aguiar, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e aos efectivos de Protección Civil da localidade.
Unha vez no lugar do accidente, os equipos de intervención comprobaron que a vítima era o único ocupante do vehículo e que se atopaba atrapada no interior. Tras proceder á retirada das portas traseiras para acceder ao habitáculo e liberar o corpo, os servizos sanitarios só puideron confirmar o falecemento da persoa.