Falece un home ao caer co seu coche ao río Limia


Unha persoa morreu nun accidente de tráfico rexistrado a primeira hora da mañá deste sábado na Saínza de Abaixo, no concello ourensán de Rairiz de Veiga. Por causas que se investigan o vehículo saíu da estrada e caeu no río Limia. O turismo quedou envorcado sobre o leito.

Ao lugar desprazáronse axentes da Garda Civil de Tráfico, Protección Civil de Rairiz de Veiga, efectivos do 112 e os Bombeiros de Xinzo da Limia, que tiveron que excarcerar a persoa atrapada no interior do coche.

Tras confirmar o falecemento, a Garda Civil e os Bombeiros rastrexaron as proximidades para desbotar que houbese máis persoas feridas ou posibles vítimas do accidente.