Falece un home de 36 anos en Meis tras unha posible intoxicación por monóxido

1 minutes read

O 112 Galicia tivo constancia do ocorrido a través da chamada dun particular que solicitaba asistencia sanitaria urxente para un home que presentaba síntomas de intoxicación. Segundo indicou, a vítima fora revisar un xerador e foi atopada inconsciente.

O suceso produciuse na Avenida do Médico Paz García, na parroquia de Nogueira, no concello de Meis, arredor das 08:45 horas.

De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia solicitouse a intervención do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos axentes da Garda Civil e dos Bombeiros de Ribadumia.

Malia os esforzos dos equipos de emerxencias, nada se puido facer por salvarlle a vida ao home. No lugar do suceso rexistrouse unha elevada concentración de monóxido de carbono.