Falece un motorista de 51 anos nunha saída de vía en Portomarín

1 minutes read

Un motorista faleceu despois de caer co seu vehículo cando circulaba pola estrada que une Portomarín e Lugo, pouco despois da rotonda do Polígono de Portomarín, dirección Lugo.

Foi unha persoa particular quen deu a voz de alarma a través da súa chamada ao 112 Galicia. No seu relato, indicaba que o único vehículo implicado no accidente fora a moto e que o seu condutor estaba inconsciente. Deseguido, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE) 112 Galicia informaron aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, pero desafortunadamente, nada puideron facer por salvar a vida do motorista.

Ademais, para prestar apoio ao equipo médico e restablecer as condicións de seguridade na vía, desde o 112 púxose a situación en coñecemento dos Bombeiros de Chantada, dos membros do GES de Monterroso, dos axentes da Garda Civil de Tráfico, dos efectivos de Protección Civil de Portomarín e do servizo de mantemento da estrada.