Un motorista faleceu este martes pola tarde despois de bater contra un poste ao seu paso polo concello coruñés de Bergondo. No momento de producirse o accidente o motorista circulaba á altura do número 53 da Rúa de San Isidro.
Tras recibir a alerta dun particular, o 112 Galicia ademais de pasar aviso ao 061-Urxencias Sanitarias informou dos feitos á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de Betanzos e aos efectivos de Protección Civil da localidade, que xa foran alertados polos axentes da Policía Local.
Fontes municipais concretaron que o motorista falecido neste accidente é un mozo de San Cidre, identificado como J.A.D.D., duns 28 anos de idade.
Pese aos esforzos, os servizos de emerxencia alí desprazados nada puideron facer por salvarlle a vida.
Colisión múltiple en Ordes
Tamén na tarde deste martes, unha persoa particular informou ao 112 Galicia dun choque entre tres vehículos, na estrada que une os concellos de Ordes e Cerceda, á altura de Mercurín. Ata o lugar desprazáronse ademais dos servizos sanitarios, os Bombeiros de Ordes, que aínda que non tiveron que excarcerar, si axudaron na evacuación dunha persoa que resultou ferida e tivo que ser trasladada polos profesionais sanitarios.
Os axentes de Tráfico, da Policía Local e os efectivos de protección Civil tamén foron informados do accidente polo 112 Galicia.