Falece un motorista en Lugo golpeado por un condutor bébedo

1 minutes read

Un motorista de cincuenta anos de idade morreu a noite pasada nun accidente de circulación na cidade de Lugo, despois de que a motocicleta coa que estaba detido nun semáforo fora golpeada de forma violenta por un turismo.

Segundo a información facilitada pola Policía Local, o accidente produciuse na confluencia da Rolda do Carme coa rúa Santiago. Un turismo, que circulaba pola Rolda do Carme, alcanzou por detrás a motocicleta, que estaba parada no semáforo. Por mor do golpe, a moto foi desprazada “violentamente” e o condutor quedou tirado sobre a calzada.

Aínda que se solicitou a presenza inmediata dos servizos sanitarios de urxencias, o médico do 061 que acudiu no seu auxilio só puido certificar o falecemento do piloto da moto.

Ao decatarse os policías de que o condutor do turismo, un home de 65 anos e veciño da cidade, presentaba síntomas evidentes de ir bébedo, foi sometido ao correspondente control de alcoholemia. Deu unha taxa tres veces superior á permitida pola lei, 0,78 miligramos de alcol por litro de aire expirado, polo que foi detido como investigado pola suposta comisión dun delito de homicidio imprudente co resultado de morte.