Falece un motorista en Outes tras sufrir unha caída

1 minutes read

Un motorista perdeu a vida, no concello de Outes, ao sufrir unha caída co seu vehículo na DP-6202. Foron os propios servizos sanitarios os que chamaron ao 112 Galicia, ás 17:00 horas deste luns, para comunicar a incorporación do helicóptero medicalizado con base en Santiago ao operativo. Segundo a información facilitada aos xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, un motorista resultara inconsciente tras caer do seu vehículo cando circulaba á altura do punto quilométrico 3. Desafortunadamente, tras a chegada ao punto soamente se puido confirmar o falecemento do motorista.

Así, para prestar colaboración nas tarefas de aterraxe da aeronave, que tomou terra no lugar dos feitos minutos despois, desde o CIAE 112 púxose a situación en coñecemento dos Bombeiros de Boiro, dos membros do GES de Muros e dos voluntarios de Protección Civil de Outes. Igualmente, solicitouse a intervención dos axentes da Garda Civil de Tráfico.